23 mar. 2018

A necesidade de educar en materia de Redes Sociais

Palabras clave: Internet, Redes Sociais, Identidade Dixital, Netiqueta, Reputación Online, Ciberbullying, Escola 2.0

_________________________________

Sabes o que son as Redes Sociais?

Utilizas algunha asiduamente?

As Redes Sociais son boas ou malas?

_________________________________

As redes sociais tiveron unha grande expansión nos últimos anos ata o punto de que hoxe en día poucas son as persoas do 'mundo desenvolvido' que non utilizan algún tipo de rede social, sexa para estar en contacto cos coñecidos, facer novas amistades, publicitar eventos, estar ao tanto das novas en tempo real ou compartir pensamentos, fotografías, vídeos... É máis, moitos servizos de internet, que nun principio non foron pensados como punto de encontro social, foron modificando os seus espazos para que os usuarios puidesen compartir informacións uns con outros.

Segundo un estudo feito a finais do mes de xaneiro do 2018, un 42% da poboación mundial é usuaria de redes sociais.

  • Facebook xa chega aos 2,167 millóns de usuarios.
  • Youtube ten ao redor de 1,500 millóns de usuarios.
  • Istagram, 800 millóns de ususarios

Que nos di todo isto? Pois que a educación en materia de redes sociais faise, agora mesmo, imprescindible. Moita xente non comprende que todos/as os que estamos inmersos na internet temos unha "identidade virtual" ademais da nosa identidade real, e que tan importante é unha como a outra. Se na nosa vida real non imos contando todas as nosas intimidades pola rúa, por que o facemos en internet?

Se isto sucede con xente "adulta" que bota relativamente pouco tempo ao día neste tipo de redes e que, ademais, se lle presupón unha certa madurez, que pasará cos nosos pequenos/as?. Eles/as pasan moitas horas ao día conectados e, ademais, moitas veces non son conscientes da repercusión que poden ter os seus comentarios, links, fotos ou vídeos.

Esta é outra das razóns que apoian a idea de que a educación en materia de TICs en xeral, e nas redes sociais en particular, é imprescindible para formar cidadáns do Século XXI, propietarios dunha identidade real, pero tamén dunha "identidade virtual".

Conclusión

As redes sociais non son nin boas nin malas, o que é bo ou malo é o uso que se lle da a este tipo de ferramentas. Existen innumerables exemplos de bos e malos usos das redes sociais, fagamos do noso alumnado persoas competentes nesta materia para que podan sacar o maior partido posible destas ferramentas.

Carlos Mariño Pego

16 nov. 2016

Oiches falar dos códigos QR?

Seguro que a estas alturas todas e todos sabedes o que son e incluso para que serven. Para os que anden un pouco perdidos dicirvos que os códigos QR son unhas imaxes feitas con píxeles (cadradiños) e que podemos asociar prácicamente ao que queiramos, de tal xeito que cando alguém 'escanee' esa imaxe co seu móbil, automáticamente accederá ao contido que nos asociamos nela.

Moi ben, pero... Como é que se fai todo iso?

Isto que parece tan complicado faise dun xeito rápido e sinxelo que vos explicamos no seguinte vídeo.

E... Para que o podo usar en clase?

Pois para agregar información adicional a murais, carteis, tarxetas...

Que tipo de información?

Podemos asociar un código QR a un arquivo de son, de vídeo, a unha páxina web,..., practicamente ao que queiramos.

Se te animas, aquí vos deixamos o vídeo de como se fai.


7 feb. 2016

Realidade Aumentada con AURASMA




Seguro que todos vos escoitastes falar en algunha ocasión da REALIDADE AUMENTADA. No seu día, escribimos un pequeno post para compartir unha presentación de Raúl Reinoso onde explicaba todo este tema dun xeito moi preciso.

Básicamente a realidade aumentada é a combinación entre unha escena real máis un contido dixital que lle da un valor enriquecido a esa realidade.

Hoxe quero compartir con vós un pequeno vídeotitorial para aprender a crear capas de realidade aumentada, de xeito gratuíto, con AURASMA e como velas dende a súa propia APP.

Espero que vos guste e que lle atopedes moitas aplicacións didácticas.

31 ene. 2016

Cancións con licenza Creative Commons!

 http://freemusicarchive.org/

En moitas ocasión precisamos de un audio axeitado que acompañe as nosas presentacións, vídeos, pases de diapositivas. A veces sentimos a tentación de obviar a lexislación vixente sobre propiedade intelectual e pensamos en usar unha canción dun grupo coñecido que nos parece a máis adecuada para a ocasión.

Hoxe tráiovos unha web na que atoparedes centos de cancións con licenza Creative Commons, organizadas por temáticas, e que na maioría dos casos só con nomear ao autor/a é suficiente para poder utilizalas, libre e legalmente, en producións audiovisuais sen ánimo de lucro. Que non me cres? Bota unha ollada!

24 ene. 2016

Pero... que pasa coa Intelixencia Emocional?

http://habilidadsocial.com/ 

Pois o que pasa é que, con tanta nova e renova e requeterrenova Lei de Educación, Real Decreto, Decreto, Orde,..., estamos a esquecernos dunha das partes máis importantes que debería ter en conta a educación: As Emocións.

Ultimamente os mestres/as e profesores/as, estamos máis centrados en obxectivos, contidos e competencias; programacións, actas e memorias; claustros, titorías e reunións de departamentos,..., que non temos en conta, á hora de levar a cabo a nosa actividade docente, as 'emocións' dos nosos rapaces/as.

Tan importante é, para o seu desenvolvemento intelectual, o traballo de estratexias de razoamento lóxico, o adestramento da memoria, o desenvolvemento de estratexias de aprender a aprender,..., como a comprensión e asimilación das propias emocións e das dos compañeiros/as.

Para traballar este tipo de aspectos podemos botar man dunha gran cantidade de recursos que 'pululan' pola rede. Hoxe achégovos un link directo a outro blogue onde foron quen de recompilar un total de 10 PELÍCULAS moi válidas para ser utilizadas na aula á hora de traballar coas emocións.

Espero que vos preste.





27 abr. 2014

Unsplash: escolma de fotos libres de alta calidade

(Imaxe: Jennifer Trovato )

Cantas veces necesitaches unha imaxe para acompañar algunha presentación, vídeo, texto? Esta semana, navegando pola rede, tropecei con este repositorio que, a única pega que se lle pode poñer e que non está ordenado por categorías, pero paga a pena botar dez minutos ollando por una imaxe axeitada.


30 mar. 2014

Xornadas EscolaTic 2014 (Santiago de Compostela)



Unha semana despois das Xornadas EscolaTic, celebradas en Santiago de Compostela, aquí vos deixo reflexións ás que cheguei despois de escoitar aos relatores/as e unha recomendación para aqueles/as que anden un pouco perdidos/as neste mundo.

Reflexións:

  1. Queda moito por andar... pero imos por bo camiño.
  2. Temos que preparar aos nosos alumnos/as para unha sociedade en constante transformación.
  3. Os nenos/as aprenden máis producindo contidos que consumíndoos, a era dos PROSUMERS!!!.
  4. O modelo de escola dos s. XIX-XX non serve para a sociedade actual... e moito menos para a futura.
  5. A escola necesita un cambio e as TIC poden ser unha boa ferramenta que nos axude nese cambio.
  6. De nada serven as TIC se non van acompañadas de un cambio na metodoloxía e no xeito de entender a educación.
  7. As TIC son un medio, un recurso educativo máis... non un fin en si mesmas.
  8. Non se trata de tirar co feito ata agora e introducir as TIC con calzador, trátase de integrar as TIC na aula paulatinamente.

Recomendación:

Se non sabes por onde empezar, non teñas reparo en perguntar aos teus achegados/as e colegas; en todos os coles hai algún mestre/a que utiliza as TIC para facilitar o seu traballo e axudar aos seus alumnos/as no proceso de ensino-aprendizaxe. Recorda que a rede é o maior claustro do mundo, fai un perfil en Twitter, empeza a seguir a "profes TIC" e entérate, en tempo real, do que se está cocendo en materia de TICs.