14 nov. 2010

Algo está a pasar!

"O xiz pertence ao século pasado... a tecnoloxía é o propio deste século" (Mestres/as do Século XXI)

O sistema educativo está anticuado. Dende os currículos, metodoloxías, a disposición das aulas, e ata o obxectivo final de toda o sistema quedou atrás, nunha sociedade en continuo cambio e evolución.

Se presupoñemos que a escola foi creada para preparar ao alumnado para a súa vida no "mundo real" (fóra das paredes dos centros) e analizamos a realidade dos nosos alumnos e alumnas nas aulas comparádoas coa súa vida cotiá, encontramos, claramente, un desfase.

É a nosa responsabilidade, como docentes ou futuros docentes reducir, minimizar ou paliar a diferenza existente.

O noso alumnado está afeito a usar diariamente as TIC (ordenadores, teléfonos móbiles, reprodutores de audio e vídeo, cámaras...) para os seus momentos de ocio, para comunicarse e compartir cousas, para relacionarse cos seus iguais..., non obstante cando chegan a un centro escolar todo iso queda fóra no "mundo real" e entran a un "universo paralelo": a escola. Como podemos pretender que rapaces e rapazas trasladen aprendizaxes levadas a cabo neste "universo paralelo" á súa vida cotiá cando nós non deixamos entrar nela ningún dos elementos que os acompañan diariamente? Que pensarán das actitudes, valores e normas traballadas nos centros? Cal será a súa opinión sobre os contidos (memorizados a desgana), e as actividades (normalmente pouco motivantes e creativas) que teñen que facer nos centros educativos?

A resposta é sinxela, iso é do outro mundo, do "universo paralelo", é cousa da escola.

Vai sendo hora de que nos "poñamos as pilas", de que peguemos un sprint e volvamos colocar á escola á altura dos tempos, e as TIC son unha oportunidade francamente boa para iso.

Mestres/as do Século XXI.

No hay comentarios:

Publicar un comentario